A produtora IbisaTV prepara para a Televisión de Galicia (TVG) un documental sobre a vida e a obra da escritora brasileira Nélida Piñón (Río de Xaneiro, 1937), de orixe galega e moi vinculada á terra dos seus ancestros. Sherezade en Galicia: as verbas de Nélida Piñón comezouse a rodar esta semana en Santiago de Compostela e na aldea de Borela, en Cotobade (Pontevedra), onde a escritora viña desde Río de Xaneiro cos seus pais a pasar temporadas.
Está previsto que na rodaxe participen os escritores Mario Vargas Llosa e Suso de Toro, e o actor Luis Tosar, entre outros.
Nélida Piñón está especialmente unida a Galicia, xa que os seus pais emigraron nos anos vinte a Brasil pero viñan á citada aldea de Borela. A escritora brasileira recoñeceu onte, na rolda de prensa de presentación do documental, que a rodaxe lle proporciona "unha experiencia moi enriquecedora". Nélida Piñón dixo que a cámara é para ela "unha especie de "alter ego", e ante a que afirmou que se expresa con tinxiduras lembradoras ó situarse nos lugares de onde ela é orixinaria.
O documental, segundo ela, "é a historia dunha escritora, pero tamén dunha comunidade que se lanzou ó mar, arriscando e expóndose a perigos extraordinarios".
A escritora comentou que os días de rodaxe no municipio pontevedrés de Cotobade lle trouxeron "recordos moi profundos", ó sinalar que se integrou "moi fortemente na paisaxe, os olores, as cores,...", unha cor verde que definiu como "milenaria", "erótica" ou "lembradora", entre outros cualificativos. "Galicia é unha das miñas grandes paisaxes interiores", comentou Nélida Piñón, que se definiu como unha "apaixonada dos papeis" desde moi pequena, que lle proporciona "unha fonte permanente de recordos".
|